Pequena historia da moeda

Pequena historia da moeda.

Antes do 2.500 antes de Cristo existía nas cidades do val do Tigris e do Eufrates, nas do Indo e nas do Nilo, un tipo de moeda moi especial.

As xentes traían a parte sobrante dos seus productos ós templos das cidades amuralladas. Alá os sacerdotes-contables abrían unha conta corrente con fichas de barro a cada persoa, ingresando os seus productos no almacén do templo e establecendo unha cantidade de diñeiro abstracto en función das mercancías ingresadas.

Posteriormente, se estas mesmas persoas querían outro tipo de productos do templo, facíase a transacción inversa. Para cada intercambio, establecíase un documento, feito de barro cocido, co nome do comprador, o do vendedor, a mercancía intercambiada e a cantidade de unidades monetarias utilizadas. É o que chamamos «factura-cheque».

Bullae.Para intercambios importantes e entre cidades diferentes, establecíase un sistema de transporte garantido, baseado nas «bullae». No carro do transportista había unha bola de barro cocido  e no seu interior, unhas fichas que representaban os diferentes productos transportados. Tamén eran gravadas as fichas na superficie da bola. Ó chegar a destino, abríase a bola e comprobábase que o seu contido coincidía co do carro.

Naquela época producíase unha pacificación crecente entre as diferentes cidades, en parte debido á inexpugnabilidade das murallas, en parte debido á prosperidade que supuña este sistema de intercambio citado.

A moeda era un instrumento abstracto que só tiña valor en función dunha mercancía realmente existente. Cada intercambio comercial deixaba o seu rastro xurídico correspondente, baixo a forma de táboas de barro.

Todo isto veuse abaixo coa aparición da moeda anónima de ouro, prata, cobre e bronce. Estoutro tipo de moeda, anónimo, concreto e independente das mercancías, permite con moita máis facilidade a corrupción e o suborno.

Coa aparición da moeda anónima, no 2.500 a. C., chega o advenimento da banca privada, auténtico «poder na sombra». E os funcionarios dos templos cambiaron a súa vocación e adicáronse a inventar as relixións.

A partir deste momento volveron os imperialismos. As inexpugnables murallas caían, non baixo as mazadas dunhas daquela inexistentes catapultas e bestas, senón baixo o suborno dos sitiadores a algúns dos gardiáns. Posteriormente os traidores subornados podían ser discretamente executados e os ocupantes inventarían mitos como os do «Caballo de Troya» e as «Trompetas de Xericó».

Diñeiro anónimo.

O diñeiro anónimo seguiría a súa evolución, ata converterse nos modernos billetes de banco e talóns anónimos ó portador. As distintas institucións políticas creadas para que os cidadáns se fagan a ilusión de ser protexidos por elas sofren o acoso dos «poderes fácticos» que subornan e corrompen políticos, técnicos e xuíces.

E agora vén o momento das propostas económicas do Centro de Estudios Joan Bardina. Pola nosa parte, trataríase de volver a un sistema de intercambio non-anónimo e responsabilizador, como o dos antigos templos, pero co sistema tecnolóxico actual, utilizando de novo a «factura-cheque».

Para isto é necesario o establecemento dunha rede telemática pública, de uso obrigatorio para todos e gratuita; e tamén unha serie de garantías para evitar a concentración de poder que podería supoñer o dominio desta rede.

Entre estas garantías propomos unha auténtica separación do executivo, o lexislativo e a xustiza. A xustiza, independente do executivo e do lexislativo, debería ter un tanto por cento fixo dos orzamentos xerais do Estado asignados por mandato constitucional, e non contar con órganos como o «Consejo General do Poder Judicial», que existe no Estado español e que pretende controlar a xustiza dende os partidos políticos dominantes a través do executivo e do lexislativo.

Cremos que o control telemático da poboación xa está sendo exercido pola banca privada a través das súas redes. A nosa proposta, máis que crear unha rede telemática nova, tende a poñer orde nas xa existentes, facendo que a información privada de cada persoa estea a disposición desta mesma persoa, e do xuíz soamente no caso de abrirse un proceso. A información estatística do conxunto do mercado debe quedar a disposición de tódolos seus membros.

Un aspecto importante a ter en conta é que, con esta reforma, a comunidade ha de garantir unha renta mínima para tódalas persoas que non teñen un sistema de subsistencia -xa sexa traballo ou pensión-  por calquera motivo. É lóxico que con este sistema desaparezan as indignas vías de subsistencia provenientes do mercado negro.

Para equilibrar o presuposto, formulamos unha hipótese que, de verificarse, podería proporcionar esta renta básica ou salario social sen ter que recorrer a gravosos sistemas de impostos. Esta hipótese está baseada na riqueza comunitaria que pode crearse dentro do mercado, riqueza comunitaria baseada nos excedentes de producción e do diñeiro que se pode inventar para adquirilos. Este diñeiro repartiríase entre os máis desfavorecidos.

Agustí Chalaux de Subirà.
Brauli Tamarit Tamarit.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.