O capitalismo comunitario.
Índice:
- Presentación.
O equipo de Can Bardina.
- O capitalismo comunitario.
Agustí Chalaux.
Queridos amigos:
Agustí comezou o ano 2.000 creando un novo documento para repetir, con novas palabras e co seu estilo provocador habitual, o que sempre nos leva dicindo. Que -nun momento en que, gracias á tecnoloxía, hai unha auténtica acumulación de bens materiais- non sería nada difícil que estes bens chegasen a todos polo simple feito de nacer, se houbese vontade política de fixar unhas novas leis económicas que tivesen en conta a importancia dos simples consumidores -as persoas dedicadas á actividade altruísta, ou as que non poden ou non queren incorporarse ó mundo productivo-. Esta proposta é imprescindible para a boa marcha da economía e das sociedades desenvolvidas.
Neste documento lémbranos -cos precedentes históricos de Bismark, Marx e Lasalle- que a Renta Básica (RB) a favor de tódolos cidadáns é unha fórmula moi rendible para que a economía dos países industrializados poida resolver o grave problema dos excedentes de producción (que tantas dores de cabeza proporcionan ós industriais destes países durante os períodos de prosperidade e de estabilidade política).
Agustí fíxase particularmente no exemplo do premio Nobel de Economía, Maurice Allais; para que sigamos conscientes da hipoteca que pesa -nun momento de dominio do pensamento único imposto polos poderes económicos mundiais- sobre os economistas que, incluso cando teñen intuicións absolutamente creativas, prefiren non desenvolvelas por medo a perder os beneficios que lles supón traballar a prol do sistema imperante. O caso de Allais é, desgraciadamente, o que se repite cada día na universidade, nos servicios económicos dos bancos e nos departamentos de economía dos medios de comunicación. Hai profesionais a miúdo moi preparados e que ven alternativas económicas que axudarían ós seus concidadáns, pero que optan por calar ou por repetir o discurso suxerido -mediante a garantía do soldo- polos poderes económicos que os contrataron.
Maurice Allais traballa sobre a hipótese dun capitalismo comunitario como complemento do actual capitalismo. Simplemente propón que debería crearse un Banco Comunitario que administrase os saldos que os conta-correntistas non autorizan ós bancos para que con eles fagan préstamos bancarios segundo o sistema clásico de funcionamento destas entidades. O Banco Comunitario soamente traballaría cos saldos non dispostos das contas correntes que non entrarían no circuíto das imposicións a prazo. Unha parte dos saldos das contas que, segundo Maurice Allais, permitiría ó Banco Comunitario recuperar a función social de regulación da cantidade de diñeiro mercantil necesaria no mercado. Función necesaria e imprescindible para asegurar un gran dinamismo económico, e regulación que se conseguiría poñendo a disposición dos simples consumidores os cartos que necesita unha sociedade minimamente desenvolvida, para absorber os excedentes de producción que o dinamismo económico xera en tempos de paz.
Unha outra vez, trátase dunha proposta para resolver o problema das sociedades que xeran máis riqueza da que poden absorber os seus axentes productivos. É preciso crear mecanismos para que os simples consumidores -axentes de profesións altruístas e liberais, grupos marxinados, enfermos, anciáns e nenos- poidan integrarse no mercado e dar un novo dinamismo á economía, posto que ser consumidor é unha verdadeira función de utilidade cando hai excedentes de producción.
En definitiva, que non se trata de axudar ós que non traballan por pura beneficencia (como pode propoñer unha mentalidade paternalista), senón de entender que a propia economía -máis acusadamente en períodos de abundancia- necesita ós que non traballan para que sexan consumidores dos seus excedentes de producción.
Moi cordialmente, en nome de Agustí Chalaux.
O equipo de Can Bardina.
(Barcelona, 5 de marzo do 2000).
1. Os inicios: Bismarck, Marx e Lasalle.
Con bastante anterioridade a 1880, Bismarck e Marx xa se comunicaban a traverso do sindicalista Ferdinand Lasalle (1825-1864), tendo chegado a unha comuñón de ideais autopacificantes.
Como consecuencia desta comunión de ideas, en 1881, Bismarck deu plena liberdade ós sindicatos alemáns, moito antes que calquera outro goberno, incluíndo aqueles que se chamaban «avanzados», como os de Inglaterra e o Estado francés.
Poucos anos despois, en 1885, Bismarck fundou a primeira Seguridade Social, tamén moito antes que ca calquera outro Estado e, cun grao tal de perfección, que actualmente esta Seguridade Social bismarckiana, perdura en Alsacia e no departamento de A Moselle (na Lorena), cuns resultados sanitarios (médicos, hospitalarios, etc.) e contables moi superiores á moito máis moderna e excesivamente burocratizada Seguridade Social francesa (por non falar da española).
2. As primeras intuicións.
Tanto Bismarck -cunha concepción estrictamente política- como Marx -coas súas análises económicas- estaban de acordo nun proxecto que incluía como punto esencial o poder dar gratuitamente a cada persoa individual non asalariada uns recursos vitais mínimos; é dicir, o que hoxe se entende e propón -sen ningún resultado práctico ata o momento- cos nomes de renta básica por habitante, salario social, revenu minimum par habitant ou basic per capita income.
As dúas personalidades analizaron a posibilidadee de aplicar esta proposta a tódolos simples consumidores pero ambos tamén constataron que este proxecto non podía realizarse mentres perdurara o exclusivo capitalismo privado (vixente dende hai 4.500 anos en tódolos imperialismos mundiais).
Foi daquela cando, cada un pola súa conta, tiveron a intuición de que era vitalmente necesaria a creación dun revolucionario capitalismo comunitario que completase o vixente capitalismo privado, de xeito que se acadase un novo capitalismo total e harmónico gracias á síntese entre ambos.
Cando en 1890 -despois de máis de 25 anos gobernando en réxime practicamente dictatorial e populista- Bismarck terminou por enfrontarse co acomplexado e belicista Guillermo II (que pretendía unhas orientacións diametralmente opostas a toda á súa política), o canciller prefiriu dimitir -debido á súa devoción pola dinastía Hohenzollern- antes que forzar a abdicación do novo emperador.
Coa dimisión de Bismarck, desapareceu polo momento a intuición bismarckiana-marxiana dun capitalismo comunitario.
3. Unha nova intuición cara a un posible capitalismo comunitario no noso tempo.
Moito antes de que lle concedesen o Premio Nobel de Economía, Maurice Allais -ó igual que moitos outros economistas- constatou que no actual sistema socioeconómico, dominado polas grandes institucións financieiras privadas (bancos, caixas de aforro e compañías de seguros) producíase un anquilosamento regresivo da economía mundial. A razón desta regresión é que as institucións financieiras privadas reciben o diñeiro privado dun 95% dos asalariados, pero só un máximo do 25-30% destes asalariados teñen solvencia suficiente para que se lles poidan consentir, con seguridade, os tradicionais préstamos bancarios.
A consecuencia evidente é que as institucións financieiras privadas non poden exercer, en cantidade suficiente, o seu oficio peculiar e antiquísimo de prestamistas e afogan con tanto diñeiro privado mercantil inutilizado e inutilizable, se non é para armamentos rapidamente obsoletos, guerras locais cinicamente provocadas, ou para unha xeneralizada corrupción por parte de tódolos poderes (normalmente asociada ó mercado negro e ó tráfico de influencias).
Ante esta evidencia, Maurice Allais tivo a xenial nova intuición dun capitalismo comunitario que completase harmoniosamente o capitalismo privado ata agora exclusivo, e propuxo unha solución práctica auto-social moi intelixente, que só podemos resumir brevemente neste artigo.
A solución proposta por Maurice Allais, consiste en que cada conta-correntista nun establecimiento bancario decide, con total liberdade persoal, a cantidade do seu capital privado (total ou parcialmente) que quere poñer a disposición do banqueiro e a duración, (cun tempo documentalmente contratado), a fin de que a entidade financieira privada o utilice segundo o seu oficio tradicional: os préstamos bancarios.
O que queda en cada conta corrente a disposición exclusiva do seu propietario privado, é o que Maurice Allais chama saldos libres (polo feito de non estar contratados documentalmente co establecemento financieiro privado).
A totalidade destes saldos libres de tódalas contas correntes privadas en tódolos establecementos financieiros é colocada tele-informáticamente -sen necesidade de retirar físicamente os saldos de cada banco- a plena disposición bancaria do Tesouro nacional, constituíndo un Banco comunitario. Este último deberá empregalos en obras sociais gratuitas en prol do consumo, a exemplo do que xa se fixera en Mesopotamia 7.000 anos atrás.
O Banco comunitario pagará ós propietarios dos saldos libres de contas correntes privadas un elevado interese, forzando así ás entidades bancarias privadas a que a súa tradicional, exclusiva e lexítima actividade de prestamistas bancarios privados, fose, intelixentemente, moito máis lucrativa.
A contabilidade detallista -indispensable no libre mercado privado e practicada dende os inicios da época histórica (lémbrense os arquivos contables do Templo Vermello de Uruk, en Mesopotamia, a mediados do IV milenio antes de Cristo)- é tema exclusivamente privado; o Banco comunitario debe prescindir dela. Unicamente debe saber con exactitude o montante total das súas entregas gratuitas ós simples consumidores e ás institucións sociais para que queden debidamente compensadas cos saldos libres dispoñibles (co correspondente coeficiente de seguridade que marque, en cada momento, a prudencia bancaria dos responsables da entidade comunitaria).
Estas entregas gratuitas fan pasar o diñeiro comunitario (que non necesita contabilidade detallista) a diñeiro privado (que si o necesita). Cousa moi fácil hoxe en día gracias á tele-informática vigente, en rápido progreso tecnolóxico.
O Banco comunitario soamente debe poder medir con exactitude que este total diñeiro comunitario gratuito -cedido exclusivamente con fins de consumo privado a prol dos simples consumidores- pasara ó ciclo da producción mediante o comercio ó por menor, dando un novo dinamismo ó conxunto da economía de acordo cos excedentes de producción dispoñibles no mercado.
4. O individuo non asalariado (simple consumidor).
Para mellor comprender a nosa hipótese de traballo, é necesario definir o que entendemos por individuo non asalariado ou simple consumidor.
Trátase, en primeiro lugar, de individuos que non poden atopar un emprego asalariado no sistema productivo e que, xa que logo, están condenados a permanecer en situación de paro. Mais, nun sentido más amplo, tamén inclúe a todos aqueles individuos que non pertencen ó sistema productivo, sexa -como acabamos de indicar- porque son parados sen posibilidade de atopar emprego, sexa porque son individuos que libremente prefiren manterse á marxe do sistema productivo.
Na segunda hipótese, hai un primeiro exemplo facilmente asumible polo conxunto da sociedade: o das vocacións altruístas ó servicio da comunidade (voluntarios, cooperantes, médicos, pedagogos, etc.). Pero tamén debemos incluír a todos aqueles individuos que escollen libremente permanecer fóra do sistema productivo e que, como simples consumidores, tamén teñen un papel social que produce mellores beneficios a quen optou por pertencer ó mundo productivo.
5. Conclusión.
Con estes tres exemplos -Bismarck, Marx e Allais- só pretendemos demostrar que existen propostas alternativas ó problema considerado irresoluble: a saída dos excedentes de producción que os individuos solventes do actual sistema económico son incapaces de comprar. A solución é a de incorporar os simples consumidores como axentes solventes do mercado.
Por desgracia, esta posibilidade foi sistematicamente rexeitada polos poderes políticos e económicos e, demasiado a miúdo, os economistas pagados polo sistema preferiron a seguridade dun salario ó servicio dos poderes establecidos, ó risco de verse relegados dos seus cargos debido a propostas innovadoras (consideradas excesivamente revolucionarias polos mentores do «pensamento único» imposto polo actual poder mundial).
Agustí Chalaux de Subirà.
Presidente do CEJB.
Barcelona, 28 de febrero do 2000.